Saturday 04 de May de 2024

Os Concellos do Val do Ulla convocan una nova edición do programa Galeuropa


Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces ofertan 20 prazas para facer prácticas en empresas de Cork, Sicilia e Malta

Os Concellos do Val do Ulla –Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces- veñen de publicar a convocatoria dunha edición do programa de mobilidade xuvenil Galeuropa. Dirixida á mocidade de entre 18 e 30 anos, ten como principal obxectivo reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

Ofrécense un total de 20 prazas; máis concretamente, as mobilidades ofertadas levarán ás persoas seleccionadas a Cork (Irlanda, con 8 prazas), Italia (Sicilia, con 6) e Malta (6 prazas). Ditas prácticas en empresas deberanse realizar entre o 31 de agosto e o 30 de novembro. Ademais das propias prácticas e o seu seguemento, o programa Galeuropa cubre a manutención, viaxe, seguro, aloxamento e preparación lingüística das persoas mozas que participen.

O prazo establecido para presentar as solicitudes é de 10 días hábiles a partires do día seguinte á publicación da convocatoria nas webs municipais dos tres Concellos do Val do Ulla. As bases completas e a instancia a cubrir pódense consultar e descargar en www.boqueixon.com.

As persoas aspirantes ao programa Galeuropa 2018 terán que presentar por Rexistro de entrada no Concello de Boqueixón a instancia (ficha de inscrición coa documentación requirida adxunta: copia do DNI, certificado de garantía xuvenil, currículo europeo en galego e en inglés, xustificante de ser vítima de violencia de xénero ou persoa en risco de exclusión social; ou por calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e a Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, (neste caso, os/as aspirantes deberán comunicalo mediante e-mail galeuropavaldoulla@gmail.com durante o mesmo prazo que o de presentación de instancias).

Para máis información, as persoas interesadas pódense poñer en contacto a través do e-mail galeuropavaldoulla@gmail.com ou dos teléfonos 981 5131 115, 986 582 017 ou 669 450 801.